Szabo- Silvera Tango Trío / Dry Martina

21/May/2011 - 11:30pm

Dúas propostas musicais diferentes para unha noite diferente:

Szabo- Silvera Tango Trío (Arxentina)

O trío Szabo- Silvera Tango créase no 2008. O seu repertorio inicial, ademais de contemplar arranxos e adaptacións de tangos clásicos, manifesta unha clara inclinación ao Novo Tango, onde prevalecen, sen dúbida algunha, as grandes obras de Astor Piazzolla. Actualmente o repertorio inclúe tangos dos seguintes compositores, entre os máis destacados: Astor Piazzolla, Agustín Bardi, Aníbal Troilo, Leopoldo Federico e Eduardo Rovira.

O trío comeza a marcar un paso fundamental para a construción dun novo tango evitando reincidir nos aspectos máis coñecidos da arte de Astor Piazzolla. Isto apréciase na destreza técnica dos seus integrantes e mais na precisión nos arranxos e adaptacións, sempre mantendo un equilibrio entre a expresión e a enerxía.

  • Alejandro Szabo: bandoneón
  • Gabriel Silvera: guitarra
  • Diego Zecharies: contrabaixo.

http://www.myspace.com/alejandroszabo

Dry Martina (Málaga)

Dry Martina fai cancións en castelán que miran con descaro cara o soul da Motown, bambéanse cos sons funk dos setenta, respiran fume dos clubs de jazz e axítanse co rock’n'roll dos cincuenta. Pero, sobre todo, Laura Insausti e a súa banda teñen moito swing.

Concentra o seu estilo todo ese abanico de sons que durante estes anos e moitos concertos foi gardando no peto… Posuidora dunha frescura innata e dun talento inusual sobre o escenario, debulla un repertorio propio fascinante, cheo de ritmo. Coas súas letras desdramatiza todo aquilo que nos recorda o jazz primixenio dotando a cada canción da luminosidade que ela mesma irradia. Laura acapara o centro do escenario coa súa voz insinuante e a súa irresistible cadencia de baile… dando forma a un espectáculo único cheo de enerxía e bo gusto.

  • Laura Insausti: voz
  • Rafa: guitarra
  • Jaume: trombón

http://www.myspace.com/drymartina