Will Wilde Band

8/Jun/2019 - 11:30pm

Will Wilde Band | UK

Will Wilde: harmónica, voz; Steve Brook: guitarra, coros; Jack Turnbull: baixo; Alan Taylor: batería.

Irrompeu na escena internacional de blues no 2007 abrindo para Jools Holland no Royal Albert Hall de Londres e firmando polo prestixioso selo discográfico de blues Ruf Records. Will Wilde foi avanzando, evolucionando e redefinindo o seu son. Agora está listo e preparado para toma-lo o mundo do rock por asalto. No seu último álbum, Bring it on Home, a súa harmónica róuballe atención á guitarra de rock tradicional cun son, que se debe tanto a Jimmy Page e Ritchie Blackmore coma a Sonny Boy Williamson e Little Walter. Will Wilde foi un paso máis alá e creou as súas propias afinacións de harmónica para poder tocar notas que antes non eran posibles. «As novas afinacións axúdanme a leva-las cousas ao seguinte nivel», di Wilde. «Podo defenderme fronte a calquera guitarrista de rock». Will Wilde vén dunha familia musical. «A música sempre estivo ao meu redor», afirma. «O hard rock e o blues británicos foron a banda sonora da miña infancia». O seu avó foi un pianista de jazz 'n' blues durante a guerra e a súa irmá, Dani Wilde, é unha aclamada cantante de blues e country. Will Wilde estudou batería no Instituto de Música Moderna de Brighton (BIMM), pero atopouse gravitando cara á harmónica, a guitarra e a voz. Tivo unha carreira variada. Participou en festivais como o Legendary Rhythm & Blues Cruise en México, no que compartiu escenario con artistas do talle de Taj Mahal, e The Rambling Man Fair en Kent, xunto con Black Stone Cherry e Thunder. As críticas especializadas eloxian ao xove Will Wilde: «O Hendrix da harmónica» (Thomas Ruf). «Leva a harmónica ata outra dimensión» (Paul Lamb). «Un emocionante e expresivo intérprete de harmónica... Excelente vocalista» (Mike Vernon).