Víctor Aneiros

4/Nov/2017 - 11:45pm

Víctor Aneiros

O músico Víctor Aneiros abraza a lingua castelá no seu oitavo disco O pioneiro do blues rock en galego dá un xiro á súa carreira con “Un extraño entre la multitud”

O guitarrista e compositor galego Víctor Aneiros lanza ao mercado o seu último álbum baixo o título de “Un extraño entre la multitud”. O proxecto mostra unha nova faceta do artista que decidiu cambiar a melancolía blusera, por ritmos roqueros e a lingua galega, que caracterizaba as súas letras, polo castelán. Neste traballo o artista reflexiona sobre o paso do tempo ao seu redor e non teme mostrarse crítico cos problemas da sociedade actual, aínda servíndose dun desenfadado ton irónico. O compositor aborda neste traballo temas presentes no día a día actual, como o da falsa realidade imperante nas redes sociais, e dedica tamén un dos temas deste proxecto á crise dos refuxiados, problema que aborda con seriedade a ritmo de balada. Con todo, o single mira á localidade natal do artista, pois “Ciudad Olvido”, lanzado no mes de xuño a través de Youtube, repasa a historia máis recente do panorama naval de Ferrol. Os potentes ritmos roqueros caracterizan a volta de Víctor Aneiros, que contou nesta ocasión coa colaboración do produtor Segundo Grandío. Con “Un extraño entre la multitud” o pioneiro do blues en galego pretende deixar atrás a melancolía e crear algo novo empregando, por primeira vez en moitos anos a lingua castelá como vehículo condutor das súas sensibilidades.