Daniel Minimalia

27/Mar/2013 - 11:00pm

Daniel Minimalia

Daniel Minimalia (Daniel Llorente) nace en Vitoria hai 28 anos cando grupos como U2, Police ou artistas como Prince estaban en pleno apoxeo. Sendo el moi pequeno, trasládase coa súa familia para a cidade de Ourense.

Aos 8 anos comeza a demostra-las súas inquietudes musicais, mentres que a maioría dos nenos xogaban ao fútbol no recreo, el non se separaba do seu walkman e escoitaba unha e outra vez o disco Rock and Ríos que o marca profundamente. Influenciado polos clásicos dos 70 como Led Zepellin, Deep Purple ou Thin Lizzy entre outros moitos e os nacionais Héroes del Silencio ou Los Suaves, aprende a tocar de oído as cancións e os solos que non deixaba de escoitar. Tras finaliza-los seus estudios de bacharelato, comeza a militar en grupos de rock, pasa por varias formacións e funda con tres amigos da universidade Zirkus, o seu primeiro proxecto serio co que edita unha demo, Si abres los ojos. No outono de 2012 edítase o disco Cuentos Sonoros que contén doce temas todos compostos polo moi xove e prometedor músico Daniel Minimalia e que configuran a súa propia fantasía sonora. Desde moi novo aprende a tocar varios instrumentos: a guitarra eléctrica, a acústica, a española, o baixo eléctrico e o piano, o que lle permitiu realizar un traballo ecléctico que transita por xéneros diversos: clásico, new age, música étnica, pop, rock, rock sinfónico... creando un conxunto de melodías que contan pequenos relatos, historias que teñen á guitarra de actor principal. Non en van cativou cando o escoitaron a grandes profesionais da radio española como Tato Puerto de Radio 3, Pilar Tabares de RNE-Radio 1, onde foi elixido “Artista de la semana”, cativou á crítica especializada que o catalogou como o “Mike Oldfield español”, ou a Firspost, un dos principais portais de información da India no que ao día seguinte da estrea “Páramos Lejanos” foi escollido “vídeo destacado da semana”. Un precioso e preciso traballo elaborado ao detalle onde as melodías se converten en poesías que invitan a través das texturas creadas a experimentar sensacións e emocións. Nada parecido no panorama musical español e pouco no ámbito internacional.