DANIEL MINIMALIA

13/Dec/2014 - 11:59pm

DANIEL MINIMALIA

Regresa co seu segundo disco, Arenas de Luna (Zouma Records), e reafirma a súa xenialidade, a autenticidade dun músico senlleiro no seu país e moi prezado fóra del. Tralo éxito do seu primeiro álbum, Cuentos sonoros, polo que foi bautizado como “el Mike Oldfield español”, con este novo, que se distribuirá, ademais de en España, en países como USA e Alemaña, o músico ourensán emprenderá unha xira nacional por cidades como Madrid, Valencia, Sevilla, Málaga, Barcelona, Lugo , Santiago, A Coruña e Ourense. En Marzo irá a Los Ángeles para face-la presentación en Estados Unidos, país no que estivo nomeado aos HOLLYWOOD MUSIC AWARDS por dous temas de Cuentos Sonoros, “Al decir adiós” y “Akainik”, como mellor canción clásica e new age respectivamente. Conta en “Olas del sur” coa preciosa voz de Rosa Cedrón, ex-vocalista de Luar na Lubre. Fíxose para este single un magnífico e fantasioso videoclip rodado na Cidade da Cultura de Santiago; pódelo ver no enlace que segue: https://www.youtube.com/watch?v=RLwg_uRMLb0. As gravacións do disco realizáronse entre Ourense e Madrid, foi producido polo galego Sebastián Mato e mesturado e masterizado por Felipe Guevara, quen traballou con artistas como Raphael, El Cigala, Serrat, Pablo Alborán e Malú. A versión de “El Estanque”, unha das cancións emblemáticas de Héroes del Silencio, que foi subida á rede por un usuario mexicano, vai polas 100.000 visitas en Youtube. “Elektra” amósano-lo lado máis electrónico de Arenas de Luna e evoca a obra de Jean Michel Jarre e Pink Floyd; guitarras eléctricas melódicas, sintetizadores, efectos guiados por unha gran melodía de piano…