Abe Rábade & Víctor Prieto Dúo. Ciclo 1906

26/Apr/2019 - 11:30pm

Abe Rábade & Víctor Prieto Dúo. Ciclo 1906

Abe Rábade & Víctor Prieto Ciclo 1906 Víctor Prieto: acordeón; Abe Rábade: piano. Profetas na súa terra

Galicia viunos nacer e o jazz reuniunos. Abe Rábade e Víctor Prieto fixeron cadansúa carreira por separado. Abe foi a Nova York para empaparse do asunto e obte-la licenciatura cum laude en composición e piano en Berklee. Máis tarde regresou a Santiago para seguir viaxando. El vai por libre. É un tiramillas, non se dubida, amais dun artista polifacético. O compostelán goza do seu trío, con Pablo Martín Caminero e Bruno Pedroso, e do seu posto de director musical da Eivissa Jazz Experience con sede na devandita illa. Suma trece discos de largo alcance que testemuñan a súa versatilidade como intérprete e compositor.

Xunto a el, Víctor Prieto, gañador dun Grammy, profesor de acordeón de jazz no conservatorio de Brooklyn (Nova York), emancipador do instrumento dentro do xénero. No seu currículo, pasadas colaboracións con Yo-Yo Ma, Arturo O'Farrill, Paquito d'Rivera e Maria Schneider, a directora de orquestra, entre outros. Ninguén, na historia do jazz, chegou tan lonxe tocando un acordeón. O seu nivel de sofisticación co instrumento, a súa creatividade non teñen parangón. No repertorio que ambos interpretan xúntanse composicións orixinais con versións do folclore galego e adaptacións de Jobim, Piazzolla e Egberto Gismonti. A idea é derriba-las barreiras existentes entre o culto e o popular. «Que andemos aínda distinguindo entre unhas músicas superiores e outras inferiores é un atraso», opina o pianista. «Beethoven e Stravinski son fantásticos, Jimi Hendrix, Batallán, Jobim e Miles Davis tamén».