FESTIBLUS 5 Red House

23/Mar/2019 - 11:30pm

FESTIBLUS 5

Red House

Jeff Spinoza: guitarra, voz; Francisco Simón: guitarra; Carlos Sánchez: batería; Manuel Bagües: baixo. Red House forma parte da historia viva do blues no noso país. Vinte anos quizais non son nada para un tango pero, no xénero que naceu xunto ao Mississippi, resulta admirable unha aventura tan lonxeva e intensa que pronto cumprirá dúas décadas na estrada. A banda máis célebre do blues rock do noso país visita o Festiblus V cargada de forza e disposta a imprimir no espectador irrefreables ansias de baile. RED HOUSE é resultado dunha longa amizade entre Jeff Espinoza e Francisco Simón. A historia deste tándem remóntase ao tempo no que se coñeceron en España cando membros dos Flying Gallardos. Desde entón, o seu traballo xuntos deu como resultado o desenvolvemento dunha das mellores bandas de blues de Europa: Red House. Froito daquelas vivencias, hoxe, Red House é o grupo ideal onde ten cabida desde o funk soul ata o hillbilly, sempre con ese bluesy touch que tan ben o define e caracteriza. Sería imposible resumi-la súa historia en poucas palabras pero, desde logo, Red House é sinónimo dunha forza e elegancia que só podemos gozar nas súas actuacións en directo, atordándonos coa súa incrible enerxía e bo gusto que fan cada concerto único e inesquecible. Nacido no 98 co lanzamento do disco homónimo, Red House, prodígase estes últimos anos con catro álbums máis, Hold On, Captured Live, Rattlesnake Road e Chihuahua Boogie, que recibiron as mellores críticas por parte da prensa especializada.