Escuchando Elefantes

31/May/2019 - 11:00pm

Escuchando Elefantes

Carlos Tajes: voz ,guitarra; Silvia Rábade: voz, batería.

Dúas voces que chegaron a soar como unha. A dinámica e forza que transmiten ao público coas súas cancións débese á súa paixón por tocar na rúa, onde se educaron como músicos. Percorreron Europa compartindo experiencias con músicos como os galardoados nos Grammy Glen Hansard e Markéta Irglová, Paddy Casey, Damien Rice, Bono (U2), Lisa Hannigan, Hozier, Kodaline e Sinéad O'Connor entre outros. No 2012 publican o seu primeiro álbum de estudio editado de forma totalmente independente, este recibe unha xenerosa acollida por parte do público que esgotou a capacidade das salas. Acompañado dunha gran repercusión mediática, Show & Tell soou en innúmeros países e festivais. No 2014, despois de gravar en España, Irlanda, USA e UK presentan o seu segundo traballo Happy Lonely People nun abarrotado Teatro Colón. Repiten o triúnfo do seu primeiro álbum e engaden nomeamentos e premios. A finais do 2016 Silvia e Carlos cambian a posta en escena da banda e comezan a intercambiar instrumentos no escenario tocando ambos baterías e guitarras, o que os leva a un son máis eléctrico e enérxico. Nese mesmo ano, realizan a gravación do seu último álbum, Hope. Cando, a finais do 2017, a banda coruñesa se dirixía ao Reino Unido para comeza-la xira europea do disco, sufriu no norte de Francia un accidente de tráfico coa súa furgoneta, da que perdeu o control e que deu a volta debido ao xeo que había na estrada. Sílvia Rábade e Carlos Tajes regresan con forza tras recuperarse. Con We are fine, thank you, soben de novo aos escenarios para reencontrase co público e agradece-las numerosas mostras de cariño recibidas desde esa noite do 2017 que os mantivo afastados dos escenarios durante todo o pasado ano.